Celebramos o Día dos Dereitos da Infancia co manifesto do Grupo de Participación da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia.
Un ano máis reunímonos para celebrar o Día Universal dos Dereitos da Infancia. Queremos recordar todas aquelas demandas que nós, coma nenos, nenas e adolescentes queremos trasladar aos poderes públicos que nos escoitan.
Sabemos que durante todo o ano se traballa en temas que nos afectan, pero nos cales non sempre podemos opinar. Por iso trasladamos aquí as nosas peticións para que a voz da infancia e adolescencia sexa recollida.
Para comezar, gustaríanos falar de educación. Pese a estar nun país con educación pública, hai moitos nenos e nenas que pola situación económica da súa familia, non poden acceder a recursos que neste tempo son necesarios para unha educación en igualdade de condicións. Falamos de libros, ordenadores, acceso a internet, a comedores escolares e tamén a espazos de reforzo onde as nenas e nenos sexan apoiados cando teñan dificultades para continuar cos seus estudos.
Para poder reducir as desigualdades na escola, deberían existir mais axudas sociais que cubran os seguros médicos, comedor e material escolar. Deberían facilitarse os transportes escolares, especialmente nas áreas rurais, onde temos que recorrer en moitos casos moita distancia para recibir clase.
Nas zonas rurais temos maiores dificultades para acceder a recursos que nas zonas urbanas están accesibles á infancia. Non falamos só de espazos de ocio seguros e modernos, senón tamén de espazos con actividades dirixidas que fomenten as nosas competencias e habilidades. Ademais en moitas zonas mantense unha desconexión tecnolóxica. Esto afecta non so a unha parte educativa, senón moitas veces a aspectos sociais que tamén se deben ter en conta.
Ademais das axudas educativas, é importante aumentar as axudas para alimentación e fogar (calefacción, alquileres etc) especialmente das familias con baixos recursos que teñen menores de idade ao seu cargo e propiciar axudas de conciliación para que os nosos pais e nais teñan maiores posibilidades de acceder a un traballo.
Outro problema que cada vez sufrimos máis no noso día a día é o Bullying. Pese a haber protocolos sobre esta violencia, moitos centros non poden responder aos avisos do alumnado. As veces, non teñen ferramentas para solucionar esta situación. Noutros moitos casos abrir protocolos e tomar medidas repercute no centro con mala reputación e con avisos de inspección.
Os centros que abren protocolos de Bullying, deberían ser máis respetados, xa que están visibilizando e actuando ante os avisos que os nenos e nenas damos. Non deberían ser vistos como malos colexios ou como centros problemáticos.
Hai que seguir formando ao profesorado, para que saiban responder a estos avisos, que sexan accesibles para que o alumnado nos sintamos cómodos contando as situacións que vemos e vivimos, e que poidan ter ferramentas para traballar connosco nestos casos.
Tamén queremos chamar a atención sobre as situacións que se dan nos centros de protección á infancia, onde residen nenos, nenas e adolescentes tutelados pola administración.
Precisamos máis educadores/as que poidan acompañar ás actividades no día a día. Esta falta de persoal, moitas veces repercute nas actividades que facemos. Queremos como todo o mundo, poder escoller as actividades que realizamos despois da escola. poder ter os nosos hobbies e non ir a actividades só porque están preto das do noso compañeiro ou compañeira de centro.
Cremos que debería haber máis información sobre os centros de protección, para evitar os estigmas que se teñen sobre ás persoas que están neles. Tamén é importante mellorar a comunicación e accesibilidade aos técnicos da Xunta, que en moitos casos non teñen unha cita cos nenos e nenas en meses.
A maior preocupación dos adolescentes nos centros é a incertidumbre sobre o seu futuro. Ás vivendas Mentor en Galicia son insuficientes. Entran en listas de espera sen saber si chegará a tempo a súa praza. Pasamos longas temporadas de estrés psicolóxico, que lles afecta a nivel emocional e social.
Por outra banda, debería de promoverse a existencia de máis familias acolledoras, para que os e as nenas que están en lista de espera, poidan crecer nunha familia que lles sirva de referente, xa que todos e todas temos ese dereito.
Por último, queremos chamar a atención sobre os colectivos minorizados, especialmente o colectivo xitano, que segue a padecer prexuizos que lles afectan no seu día a día, en moitos casos dificultando a obtención de logros educativos, tan importantes para o seu futuro. Estes prexuízos non son só desde o grupo de iguais, senón que seguimos vendo docentes que seguen sinalando a este colectivo sempre que ocorre algo dentro das aulas, chegando a unha profecía autocumplida co paso do tempo.
Finalmente queremos chamar a atención sobre colectivos como o Caló que non se sinten en casa debido á interculturalidade das súas tradicións. Nós pensamos que esto só pode aportar riqueza. Coñecer outras culturas e realidades axuda a ser máis respetuosos, inclusivos e romper cos medos que levan á discriminación.
Temos claro que non somos unha xeración fráxil. Abrimos portas para o noso futuro, defendemos as nosas ideas e loitamos polos dereitos de tódalas nenas, nenos e adolescentes galegos!