| |

Redeir@s comparte unha nova xornada de participación, aprendizaxe e convivencia

O grupo de participación infantil e adolescente da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia reuniuse o pasado 17 de outubro en Santiago de Compostela para traballar sobre educación, saúde mental, comunicación e participación, nun encontro que combinou actividades de reflexión, creatividade e lecer.

O pasado sábado 17 de outubro celebramos unha nova xuntanza de Redeir@s, o grupo de participación infantil e adolescente impulsado pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG). Ao longo da xornada, nenos, nenas e adolescentes de diferentes entidades compartiron experiencias, reflexionaron sobre cuestións que lles afectan e participaron en dinámicas para seguir fortalecendo a súa capacidade de expresión, participación e incidencia.

O encontro comezou na Ludoteca María Miramontes de Santiago de Compostela, onde, tras unha primeira actividade de benvida e presentación, demos paso a unha mañá chea de propostas participativas.

Un labirinto de decisións para reflexionar sobre a educación

A primeira actividade da mañá chegou da man da Campaña Mundial pola Educación (CME), cun xogo participativo no que os nenos, nenas e adolescentes tiveron que percorrer un labirinto, superar diferentes probas e tomar decisións para avanzar.

A través desta dinámica, os e as participantes puideron reflexionar de maneira lúdica e colectiva sobre a educación, os desafíos que presenta e a importancia de participar nas decisións que afectan aos seus dereitos.

As reflexións e conclusións desta actividade servirán tamén como punto de partida para o traballo arredor do manifesto da Campaña Mundial pola Educación.

A infancia e adolescencia toman os micrófonos

A comunicación foi outra das protagonistas da mañá, con dúas actividades simultáneas adaptadas aos diferentes grupos de idade.

Por unha banda, un grupo de adolescentes participou na gravación dunha nova edición de «A súa voz é a nosa», o podcast de Redeir@s. Nesta ocasión, a conversa xirou arredor de dous grandes temas: ser adolescente hoxe e as redes sociais e a vida dixital.

As presións académicas, as amizades, as expectativas de futuro, a relación coas persoas adultas ou a importancia de sentirse escoitados foron algunhas das cuestións abordadas, xunto co papel das redes sociais na vida cotiá, as súas oportunidades e os seus riscos.

Paralelamente, outro grupo converteuse nunha auténtica redacción de radio coa actividade Radio Redeir@s. Os e as participantes exploraron noticias, seleccionaron aquelas que máis chamaron a súa atención, compartiron opinións e imaxinaron titulares que lles gustaría escoitar no futuro, dando forma ao seu propio programa radiofónico.

Ambas as actividades permitiron traballar a expresión oral, a escoita, o pensamento crítico e, sobre todo, o dereito dos nenos, nenas e adolescentes a comunicar as súas propias ideas.

Construímos o noso botiquín da saúde mental

Coincidindo coa celebración, uns días antes, do Día Mundial da Saúde Mental, dedicamos outro dos espazos da xornada ao benestar emocional a través do obradoiro «O botiquín da saúde mental».

Co acompañamento dun profesional da psicoloxía, os e as participantes traballaron en pequenos grupos a partir de diferentes situacións cotiás que poden afectar ao seu benestar. O reto consistiu en identificar que podería estar sentindo unha persoa, que ferramentas poderían axudala, a quen acudir e que cambios serían necesarios na súa contorna.

A partir destas reflexións, construímos un botiquín colectivo con ideas e recursos para afrontar os días difíciles, recoñecendo que non todas as persoas necesitamos o mesmo e que pedir axuda tamén é unha forma de coidarnos.

A actividade completouse cun espazo creativo no que os e as participantes elaboraron chapas e marcapáxinas con mensaxes relacionadas coa saúde mental e o benestar emocional.

Das nosas propostas á acción: aprendemos a facer incidencia

Xa pola tarde, tras compartir un espazo de comida e convivencia, continuamos a xornada cunha actividade centrada na incidencia, a portavocía e a representación.

Partindo das demandas que os propios nenos, nenas e adolescentes de Redeir@s identificaron e priorizaron en encontros anteriores, traballamos sobre como transformar esas preocupacións en propostas e accións concretas.

Divididos en dous grupos, os e as participantes tiveron que escoller unha demanda, pensar que lles gustaría cambiar, identificar a quen deberían dirixirse e deseñar posibles formas de facer incidencia.

A través desta dinámica descubriron que facer incidencia vai moito máis alá de reunirse con representantes políticos: tamén implica sensibilizar, informar, mobilizar apoios, impulsar campañas ou trasladar propostas a diferentes espazos de decisión.

Posteriormente, compartiron o traballo realizado e practicaron como comunicar as propostas colectivas, reflexionando sobre o papel das persoas portavoces e a responsabilidade de representar fielmente os acordos dun grupo.

Un exercicio fundamental para seguir avanzando cara a unha participación infantil e adolescente con capacidade real de influencia.

Tempo para o lecer e a convivencia

Como peche da xornada, tamén houbo espazo para a diversión e para fortalecer os vínculos entre os e as participantes.

Organizados en dous grupos, unha parte gozou dun escape room en The Paradox Room, no que tiveron que poñer a proba o seu enxeño e capacidade de traballo en equipo, mentres que o outro grupo compartiu unha tarde de saltos e diversión en Central Jump.

Estas actividades permitiron rematar o encontro nun ambiente distendido e seguir fomentando as relacións, a confianza e o sentimento de pertenza ao grupo.

Seguimos construíndo Redeir@s

Esta nova xuntanza permitiunos continuar avanzando no traballo colectivo de Redeir@s, combinando a reflexión sobre os dereitos da infancia con experiencias prácticas de comunicación, participación e toma de decisións.

Desde a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia continuamos apostando por xerar espazos nos que os nenos, nenas e adolescentes poidan expresarse libremente, compartir as súas preocupacións, desenvolver propostas propias e participar activamente nas cuestións que lles afectan.

Publicaciones Similares

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *